POBRA> O executivo local xa iniciou os contactos cos propietarios da maior parte do terreo onde podería ir emprazado o novo dispensario. A intención do concello é realizar unha serie de modificacións de cara á urbanización do polígono, intercambiando partes do espazo destinado a uso dotacional co edificable. Así, o centro de saúde podería estar ubicado na zona máis próxima ó centro urbano, garantindo ademais unha mellor accesibilidade ó salvar o maior desnivel que afecta á parte superior. Ademais dos contactos cos propietarios dos terreos, que se concentran principalmente en tres titulares, o concello tamén mantivo conversas coa empresa interesada en urbanizar o polígono, para artellar diferentes solucións para o financiamento inicial da obra. Dende o executivo estiman que o proceso de redistribución das parcelas e a aprobación do modificado podería demorar entre oito e doce meses.Unha vez se faga efectivo, sería preciso o investimento da Consellería de Sanidade para construír o centro de saúde nesta urbanización na que tamén se plantexa a instalación doutros servizos públicos como podería ser a escola infantil.
Inicio Barbanza - Muros - Noia