O Xulgado arquiva a causa contra Carmelo Vidal

BOIRO> Arquivada a causa contra o expatrón maior de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal. O Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira vén de decretar o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións, abertas en abril de 2013 en base a unha denuncia da propia Fiscalía.

Carmelo Vidal estaba acusado dun total de cinco delitos: estafa, suborno, malversación de caudais públicos, falsidade documental e apropiación indebida na súa xestión á fronte do pósito crucense entre os anos 2007 e 2014. No auto o Xulgado non ve indicios de criminalidade suficientes para proseguir coa causa, na que tamén fora investigada a daquela presidenta da agrupación de mariscadores a pé, Ermitas Pérez. Faino despois de analizar ó detalle a extensa documentación presentada, sen poder demostrar que se cometera algún dos delitos polos que foi denunciado. O Xulgado tamén declinou a solicitude da Fiscalía de continuar as actuacións contra o expatrón maior crucense por un presunto delito de tenencia ilícita de armas, xa que no rexistro realizado na súa casa en marzo de 2015, atopouse unha arma de xeito casual, sen que existiese autorización relativa a este asunto.