BOIRO> Boiro e Cerceda librarán este próximo domingo en Barraña un duelo que decidirá ó campión de liga no Terceira División. O municipal de Barraña vivirá este próximo domingo unha das súas tardes históricas. O C.D. Boiro, asentado dende hai varios anos na Terceira, xoga por primeira vez dende a súa fundación para facerse co entorchado autonómico. Diante del terá un rival complicado, o Cerceda, que chegará a terras barbanzás coa idea de arrebatarlle a condición de mellor equipo da categoría. Os boirenses parten a priori como favoritos a facerse co título. Ademais de xogar diante da súa afección, valeríalles o empate, o ter dous puntos de vantaxe sobre o seu rival. Ademais do campionato, a primeira posición na táboa daríalle maiores posibilidades na fase de ascenso a Segunda B. Polo que hai moito en xogo para os dous equipos. Dáse a circunstancia de que os dous conxuntos se coñecen ben. Ademais do adestrador, José Luís Lemos, no Boiro hai varios xogadores que nas últimas campañas militaron no Cerceda como é o caso de Cano e Hebert. Hoxe pezas claves no plantel local. Para o encontro deste domingo, o técnico boirense dispón da práctica totalidade do equipo, incluído o gardameta Reguero, que podería recuperar a titularidade despois da súa ausencia no último partido en Vilalba por acumulación de cartóns. A directiva do Boiro confía en ter unha boa entrada e que os afeccionado acudan ese día a Barraña a apoiar ó seu equipo dende a grada. O inicio do partido está fixado para as seis da tarde.
Inicio Deportes