O CD Boiro proclámase campión da Terceira División

BOIRO> Barraña vibrou coa vitoria do Boiro ante o Cerceda por catro goles a cero. Os boirenses esperan xa rival no sorteo da fase de ascenso a 2ªB que terá lugar esta tarde. A vitoria de onte por catro goles a cero ante o Cerceda pecha unha tempada espectacular dos boirenses que por primeira vez na súa historia se proclamaban campións de Terceira División. Os de José Luís Lemos mostraron o seu potencial ofensivo xa na primeira metade. Dous goles, o primeiro de Romay e o segundo de Rubén Rivera, encarrilaban a vitoria antes do descanso. Á volta dos vestiarios o Cerceda tivo algunha que outra ocasión para meterse no partido, pero non foi quen de materializala. Xa nos minutos finais do encontro o Boiro dinamitaría o partido con dous novos goles, o primeiro de Tachi á saída dun corner, e o segundo de novo de Rubén Rivera a pase de Stefan. O Boiro espera rival xa no sorteo da fase de ascenso a 2ªB. Estará no bombo dos equipos campións das súas respectivas ligas. O ansiado ascenso da categoría estará na súa man cunha eliminatoria a dobre partido. Os outros candidatos galegos ó ascenso serán o propio Cerceda, o Deportivo B e o Choco.