Todo preparado en Barraña para recibir ó Caudal

BOIRO> O CD Boiro disputa este domingo o partido de ida do play off de ascenso a 2ª B. A venda de entradas marcha a bo ritmo, agardándose un cheo absoluto nas gradas. A ida do play off de ascenso a 2ªB co Caudal de Mieres, un dos clubs históricos asturianos, prevese apaixonante. A directiva do Boiro confía en obter un cheo absoluto nas bancadas, ó redor duns dous mil afeccionados, unha cifra semellante á que acudiu xa ó último partido de liga que os enfrontou ó Cerceda e no que se decidiu o título de liga a favor dos locais. O inicio do choque está previsto para as seis da tarde. O prezo das entradas será de oito euros para os socios e de doce para o resto de afeccionados que se acheguen ese día ó Municipal de Barraña. Para maior comodidade, a directiva decidiu abrir estes días as oficinas do club, situadas no propio estadio, pola tarde, entre as catro e media e as sete e media, para que os que o desexen poidan retirar as súas entradas e así evitar as posibles colas e aglomeracións no propio día do partido.