Confesan os mozos do Salnés acusados de manipulación e venda de drogas

PONTEVEDRA> Condenados os 8 mozos do Salnés acusados de tráfico de drogas despois de confesar os feitos e chegar a un acordo coa fiscalía. A sentanza firma, contra a que non cabe recurso, impuxo penas de entre 2 e 3 anos e multas que van dende os 1.500 euros aos 76.000.

 

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra acollía esta mañá un xuízo por varios delitos contra a saúde pública de 8 mozos do Salnés que se suspendía aos poucos minutos de empezar. Durante toda a mañá os avogados negociaron un acordo de conformidade e finalmente os acusados aceptaron as súas penas tras confesar os delitos referidos á compravenda, manipulación e distribución de estupefacientes.

Un tras un os acusados aceptaron ser os responsables da preparación e venda de sustancias estupefacientes entre as que se encontraban a cocaína, a heroína, a marihuana, o haxix e a metadona e, a cambio, o Ministerio público rebaixou a súa petición inicial de penas de catro anos que pedía para todos, a excepción do que xa era reincidente que se aumentaba a cinco, por penas de 3 e dous anos dependendo da gravidade do delito.

As correspondentes multas tamén se reduciron tralo acordo e para os tres acusados  de tráfico de substancias estupefacientes que causan grave dano para a saúde ascenderon ata case os 76.000 euros e para aqueles acusados que non superaban a cantidade considerada un grave dano para a saúde se mantiveron entre os 1.500 e 6.000 euros.

Na investigación previa púidose comprobar que contaban cunha vivenda alugada co propósito de realizar dita actividade ilícita e no rexistro que se fixo na mesma atopáronse elementos para a manipulación e mestura de droga así como diversas sustancias, armas de fogueo e diñeiro en metálico.

En virtude do acordo ditouse sentenza firma que non admite recurso.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/24/xuizo_drogas_salnes_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/24/xuizo_drogas_salnes.mp4{/flowplayer}