PONTEVEDRA> A pelexa de onte tivo o seu eco na política local. O Partido Popular pediu este mediodía a dimisión do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Acúsano de ser incapaz de xestionar os problemas de seguridade que, aseguran, sufre a cidade. En canto ao Partido Socialista, a formación fixo un chamamento ao sentido común e a buscar un acordo entre as administracións na procura dunha solución. Pola súa banda, os sindicatos policiais reclaman máis medios e efectivos para garantir a seguridade na cidade.
Trala pelexa rexistrada onte na praza de Barcelos, o posicionamento do Partido Popular é contundente. Hoxe Rafa Domínguez reclamaba a dimisión do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Domínguez insistiu en que a súa formación leva tempo alertando dos problemas de seguridade que, aseguran, se están a dar na cidade. Acusan ao goberno local de mirar cara outro lado.
Este pronunciamento do PP foi criticado dende a Subdelegación do Goberno. Abel Losada cualificou a actuación de Domínguez de oportunismo e demagoxia. En termos semellantes expresouse o líder do PSOE pontevedrés, Iván Puentes.
Tamén valoraron o suceso de onte os sindicatos policiais. Para o Sindicato Unificado de Policía, Pontevedra non é unha cidade insegura aínda que lles preocupa o incremento que se está a dar deste tipo de episodios. E reclaman máis persoal de seguridade cidadá.
Insisten ademais nunha reclamación histórica: a creación na comisaría pontevedresa dunha unidade de prevención e reacción que, explican, melloraría o control destes puntos negros. De xeito semellante pronunciouse a Confederación Española de Policía, que acusa ás administracións de facer oídos xordos.











