PONTEVEDRA> A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon volverá a Pontevedra con moito deporte e, tamén, con moita música. A cidade prepara unha programación diversa, emerxente e galega para animar as xornadas que dure a proba, que comezará o 18 de setembro. A proposta ‘Somos música’ englobará catorce concertos en diferentes puntos da cidade que culminarán coa actuación de Panorama City no Recinto Feiral.
‘Somos música’ é a programación coa que o concello de Pontevedra porá banda sonora á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.
Zeltia Irevire, Moi, Uxía Lambona, Hermanos Visi, Helena Egea, Purple, varias sesións de dj, Pablo Méndez, Ortiga, Galician Army e de Ninghures serán os protagonistas das catorce actuacións que se repartirán pola cidade e con diferentes formatos a partires do 18 de setembro. Do fin de festa encargarase Panorama City, que actuará no recinto feiral o domingo 27.
Ademais do movemento cultural e deportivo, dende o goberno local puxeron en valor a economía de proximidade que se crea ao redor do evento.
As probas deportivas da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon comezarán o mércores 23 de setembro co desfile dende a Praza da Ferrería ata a Praza de España, que acollerá a inauguración e a actuación de Pablo Méndez Performance.











