Ravella insiste en sinalar ao organizador como único culpable

    VILAGARCÍA> O fiasco do Triatlón Rías Baixas continúa coleando. Esta tarde chegaron as explicacións oficiais dende o concello de Vilagarcía. Con todos os informes sobre a mesa, o concelleiro de deportes volveu sinalar á empresa organizadora como responsable da suspensión da proba. Insistiu, ademais, en que o concello cumpriu cos seus compromisos, extralimitándose incluso do acordado inicialmente.

     

    O goberno de Vilagarcía, insiste: a empresa organizadora da proba foi a única responsable do fiasco do Triatlón Rías Baixas. Dez días despois da súa suspensión, o concelleiro de deportes asegura que non tiñan motivos para desconfiar da organización.

    Serén compareceu esta tarde cos informes de todas as partes sobre a mesa, a excepción do da Garda Civil. Sobre o recollido no da Federación Galega de Triatlón, o edil sinala que o único problema imputable ao concello foi a falta dunha embarcación de Protección Civil. A maiores, asumiron a instalación do balizamento para a proba de natación.

    Polo demais, Serén asegurou que o motivo que provocou a suspensión definitiva da proba foi a falta de medios da empresa para pechar o tráfico á vía rápida. Feito que, segundo anunciou, será denunciado pola Garda Civil.

    Dende a Policía Local, si recoñeceron que non se celebrou unha xuntanza de coordinación previa á proba; encontros que son frecuentes para organizar a seguridade neste tipo de eventos. Por problemas de axenda da empresa organizadora, as conversas foron telefónicas.

    A pesares da mala experiencia, o edil de deportes eximiu ao concello de calquera responsabilidade. 

    Serén tamén deu hoxe explicacións sobre o sucedido o 15 de maio nunha reunión da Fundación de Deportes.

    Para quitar o mal sabor de boca do fallido Triatlón Rías Baixas, o concello avanza na organización dun Triatlón Cidade de Vilagarcía. A intención é mobilizar a moitos deportistas do tecido local e que a proba estea incluída no calendario oficial da Federación. As datas que se manexan son setembro de 2017.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/25/explicacions_triatlon_villa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/25/explicacions_triatlon_villa.mp4{/flowplayer}