Usuarios trasladan a biblioteca municipal á rúa para reclamar melloras

VILAGARCÍA> Mozos e mozas de Vilagarcía trasladaron esta fin de semana a biblioteca á rúa. Cunha performance para denunciar as deficiencias das instalacións municipais, tomaron a peonil Rei Daviña con mesas e con todo o seu equipamento de estudo.

A falta de espazo na biblioteca, a reducida dispoñibilidade horaria, a escaseza de enchufes ou a mala sinal de wifi para conectarse a internet, son algunhas das carencias que sinalan estes usuarios. Sobre todo, reclaman unha ampliación do horario, principalmente nas fins de semana, ademais da posta en marcha do horario nocturno en datas de exames.

A deste sábado foi a primeira protesta organizada, pero os organizadores non desbotan solicitar unha entrevista co goberno local vilagarcián para trasladarlle as súas demandas, e conseguir unha biblioteca adaptada ás necesidades dos estudantes que viven en Vilagarcía.