Recrudécese o conflito entre Deputación e Parque de Maquinaria

[

PONTEVEDRA> O conflito do Parque de Maquinaria recrudécese co paso dos días. Os deputados nacionalistas do goberno da Deputación de Pontevedra denuncian que se multiplican as pintadas e ameazas. O suceso máis grave produciuse esta mañá, cando diante do concello de Tomiño apareceu unha coroa mortuoria co nome do deputado de mobilidade. Os feitos xa foron denunciados ante a Subdelegación do goberno e a Garda Civil.

 

As pintadas contra os membros nacionalistas do goberno provincial levan semanas aparecendo en paredes de concellos de toda Pontevedra, principalmente centradas en César Mosquera e Uxío Benítez. Contra este dirixiuse o suceso máis grave ata o momento: a aparición dunha coroa mortuoria co seu nome no entorno do concello de Tomiño, no que é edil.

Lonxe do conflito laboral, os deputados ven nesta situación unha motivación política, e non dubidan en sinalar ao Partido Popular como responsable desta campaña contra eles.

Dende o goberno non ven motivos para este conflito. Defenden que non se tomou ningunha medida contra os traballadores do parque, negan calquera intención privatizadora e insisten en que as protestas da plantilla débense á perda de privilexios inxustificados.

Esta situación prodúcese case unha semana despois do encontro entre os traballadores e a Deputación provincial.

Polo de momento, os nacionalistas non denunciarán o sucedido ante a xustiza, aínda que si se denunciará ante a Subdelegación do Goberno. Ademais, o deputado Uxío Benítez xa anunciou que levará o sucedido ante a Garda Civil.

Os membros do BNG compareceron arroupados polos socialistas Carlos López Font e Santos Héctor, que condenaron o sucedido e apoiaron aos seus compañeiros de goberno. 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/26/denuncia_bng_provincial.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/26/denuncia_bng_provincial.mp4{/flowplayer}