Choque decisivo do CD Boiro en Mieres nas súas aspiracións á 2ªB

BOIRO> Os boirenses parten cunha leve vantaxe, grazas ós dous tantos conseguidos no partido de ida en Barraña. O partido deste próximo domingo en Mieres preséntase decisivo para as aspiracións do Club Deportivo Boiro de xogar a vindeira campaña en 2ªB. Será sen dúbida o partido máis importante da súa historia. Despois de proclamarse Campión de Liga da Terceira División por primeira vez aspira a seguir superando retos e ascender á división de bronce do fútbol nacional. Dende a directiva saben que non será un partido sinxelo, de aí que leven toda a semana organizando unha viaxe para afeccionados. Queren que os xogadores se sintan arroupados ese día. Confían en xuntar tres autocares, ademais dos moitos siareiros que se desprazarán a terras asturianas cos seus propios vehículos. No plano deportivo sinalar que o equipo ten intención de viaxar xa na xornada do sábado e pasar a noite nun hotel de Mieres. José Luís Lemos disporá de todo o plantel para este choque, incluído Pablo Pillado ausente en Barraña por un virus.