BARBANZA > A xornada de liga na Rexional Preferente desta fin de semana non foi moi positiva para os equipos barbanzáns, posto que tan só o Flavia foi quen de consegui-la vitoria. Os padroneses dobregaban ó Compostela por un gol a dous. O Club Deportivo Boiro perdía por tres goles a un no seu desprazamento a Ordes e o Atlético Ribeira non pasaba do empate a uns na casa co As Pontes.
O Flavia foi o único representante da comarca do Barbanza na liga de Rexional Preferente que conseguiu a vitoria esta pasada fin de semana ó impoñerse ó Compostela por un gol a dous nun partido adiantado á xornada do sábado.Os primeiros 45 minutos foron de claro dominio do conxunto santiagués aínda que non creou grandes ocasións diante da meta defendida nesta ocasións por Diego.Os goles do equipo padronés chegaban xa na primeira metade, obra de Rego no minuto 8 e Sergio no 27.O Compostela recurtaba distancias xa na recta final do encontro, no minuto 92 obra de Alberto. A vindeira semana o Flavia recibirá no Campo do Souto ó líder Ordes.
O Atlético Ribeira logrou salvar un punto esta fin de semana no seu enfrontamento na Fieiteira co As Pontes. O primeiro dos goles chegba para os visitantes na primeira metade por obra de Marcos, no minuto 21, mentres que o empate dos ribeireses producíase grazas a un gol de penalti transformado por Manu. Cómpre sinalar que o Ribeira tivo que xogar boa parte do encontro con inferioridade numérica tra-la expulsión de Jesús, cando apenas ía transcorrida media hora de partido. A vindeira semana xogará na Coruña co Imperator.
Non tivo sorte o Club Deportivo Boiro esta pasada fin de semana e caeu derrotado polo Ordes, actual líder da categoría por un claro tres a un. Aínda así a primeira metade caracterizouse pola igualdade, tendo ocasións relativamente claras para marcharse ó descanso con vantaxe. O Ordes conseguiu adiantarse no minuto 43 cun gol de Alex en propia meta despois dun centro de Guillermo. Con este resultado chegaríase á fin dos primeiros 45 minutos. No segundo tempo un Boiro menos concentrado recibiu rapidamente o dous e o tres a cero, nos minutos 48 e 54 por obra de Dani Deza e Alex Castro. O gol da honra para os boireses foi conseguido por Eiras no minuto 79. A vindeira semana o Boiro recibirá en Barraña ó Vizoño.
Polo que respecta á categoría de Primeira Rexional victorias do Unión de Asados contra o Cariño por catro goles a tres e do Noia co Baio por un claro seis a cero, e derrota do Cordeiro, que caía na Coruña co Montañeros por dous goles a un.
Redacción Barbanza