O BNG de Boiro propón unha bolsa de vivendas baleiras para familias sen recursos

    BOIRO> O BNG de Boiro solicita a creación dunha bolsa de vivendas baleiras para as persoas en risco de exclusión social. Consideran que poderían habilitarse as antigas casas dos mestres de Praia Xardín ou as vivendas das que dispoñen as distintas unitarias do municipio. As dificultades económicas que atravesan moitos veciños de Boiro a raíz da crise e das políticas de recortes, levaron ó BNG a plantexar a posibilidade de dotar ó concello de vivendas sociais. Esta proposta, que xa figuraba no seu programa electoral para as municipais do pasado ano, podería materializarse a través de dúas vías. Ben, mediante xestión directa do concello ou a través da adhesión ó programa de colaboración promovido pola Xunta e a Fegamp para a posta a disposición de vivendas baleiras. Os nacionalistas propoñen as antigas vivendas dos mestres emprazadas en Praia Xardín e nas escolas unitarias como mellor alternativa para habilitar este servizo de alugueiro social, destinado ás familias sen recursos.