RIBEIRA> A CIG denuncia a falla de cobertura de prazas en atención primaria durante o verán. As delegadas na comarca do Barbanza alertan de que a situación non afecta unicamente ó persoal médico senón tamén a técnicos de enfermería, matronas ou fisioterapeutas.
A xa de por si precaria situación dos centros de saúde do Barbanza verase agravada durante o verán co incremento de poboación na maior parte dos concellos e a non cobertura das vacacións de moitos profesionais. Dende a CIG denuncian este problema que non afecta unicamente ás prazas médicas senón tamén a técnicos de enfermería, fisioterapeutas ou matronas. Entre os casos máis graves destacan, por exemplo, o de Porto do Son que quedará cun só técnico de enfermería ou en Rianxo que carecerán de matrona durante os 15 días de vacacións da titular.
Dende a CIG consideran unha escusa o argumento da Consellería de que as listas de contratación están esgotadas posto que no distrito do Barbanza hai actualmente 12 enfermeiras en lista de agarda e 7 penalizadas.
Esta situación faise extensiva tamén ós centros hospitalarios. Se ben os servizos de consultas e quirófanos diminúen as actividades programadas, a área de urxencias experimenta unha sobrecarga asistencial derivada do incremento da poboación durante a tempada estival.











