Dous millóns de euros para a terceira fase do saneamento de Boiro

    BOIRO> A Xunta de Galicia investirá dous millóns de euros para acometer a terceira fase de saneamento de Boiro. Esta actuación, que vén de aprobar o Consello da Xunta, súmase ós catro millóns destinados ó colector de Barraña e os bombeos de Esteiro e Subuqueiro. Luz verde para a terceira fase do saneamento de Boiro que inclúe principalmente a renovación do colector do río Breiro, a construción dun tanque de retencións e unha nova rede de colectores de augas pluviais. O novo colector encargarase de transportar e conectar as augas fecais e parte das pluviais procedentes do casco urbano co interceptor do paseo marítimo. A rede de colectores trasladará as augas pluviais recibidas na conca alta do casco urbano ó estanque de retención que recollerá, á súa vez, o caudal procedente do río Breiro. Os traballos complementarase cun proxecto de limpeza do río e a mellora da capacidade de desaugue da canle fluvial. Esta actuación, enmarcada no Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa, suporá un investimento de dous millóns de euros que vén de ser aprobado polo Consello da Xunta. Súmanse ós preto de catro millóns que xa se teñen destinado en fases anteriores para a construción do interceptor de Barraña e a mellora dos bombeos de Esteiro e Subuqueiro.