A Garda Civil desmantela un punto de venda de droga en Noia

NOIA> A operación denominada Obremark iniciábase a primeiros do verán tralas sospeitas da existencia dun punto de venda de droga nunha vivenda de Noia.

Tras as investigacións realizadas pola Garda Civil solicitouse autorización ó Xulgado Noia para realizar un rexistro no inmoble, onde atoparon 50 gramos de cocaína e outros 40 de haxíx.

Os axentes localizaron tamén dúas pistolas de aire comprimido, cinco teléfonos móbiles e preto de cinco mil euros en moeda fraccionada, así como tamén diversos útiles empregados habitualmente para o manexo e distribución de droga.

A operación rematou coa detención do propietario da vivenda acusado dun presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas que xa pasou a disposición xudicial no Xulgado de Instrución Número 1 de Noia que é quen instrúe o caso.

Dende a Garda Civil quixeron agradecer tamén a colaboración cidadá neste caso que aportou información clave para o desenvolvemento desta operación.