A nova Comisión de Festas dos Pincheiros espera recadar uns cincuenta mil euros

    POBRA> O grupo está formado por unhas dezaoito persoas que traballan arreo para que a vila non perda unha das súas celebracións máis emblemáticas. Aínda que levan xa traballando dende hai algúns meses, esta mañá facían a súa presentación oficial. Non estaban todos. Faltaban algúns dos seus membros, que por motivos laborais, non puideron asistir. Si estaban Xosé Hermo, novo presidente; Marta Fernández, que será a tesoureira; Isabel Domínguez, a secretaria ou Xesús Maneiro, o vicepresidente, entre outros. As festas terán lugar do 20 ó 22 de agosto. Para eses días teñen programado numerosas actividades, nas que non faltarán as verbenas, os xogos tradicionais, os cabezudos ou os San Juerguíns. Dende a Comisión quixeron agradecer tamén ás empresas colaboradoras, ó concello e ós veciños en xeral a súa axuda, xa que sen eles sería impensable poder organizar estes festexos. Ademais do petitorio porta a porta, ó que acudirán debidamente identificados cunha camiseta e un carné para evitar posibles fraudes, coa finalidade de recadar a maior cantidade de cartos posible para as festas, teñen á venda recibos de lotaría para o sorteo extraordinario de verán e realizarán como de costume a tradicional sardiñada e churrascada no pantalán o día nove de xullo.