Ribeira amortiza uns dous millóns de euros en préstamos bancarios

RIBEIRA> A operación permitiralle ó Concello poder reducir en quince puntos a débeda municipal ata situarse nun 34´92%.

O executivo ribeirense informou da amortización anticipada de préstamos bancarios por valor duns dous millóns de euros. Esta operación, efectuada con cargo ó remanente de tesourería aprobado en pleno o pasado mes de agosto, permitirá unha redución significativa da débeda municipal en case 15 puntos porcentuais, pasando do 49 ó 34%.

Segundo sinalou o propio alcalde a adopción destes préstamos foron os que permitiron emprender importantísimos investimentos para o municipio, como foi o caso das actuacións incluídas no proxecto ‘Riveira Atlántica’ entre as que se atopaban o paseo do Touro, o novo mercado municipal ou o centro social de Oleiros, entre outras. 

O feito de ter anticipado a amortización destes préstamos posibilitou tamén ó executivo un aforro en xuros duns cen mil euros que pasarán a engrosar o capítulo dedicado a gastos do Concello o ano que vén.