NOIA> O BNG levará ó Parlamento varias iniciativas ante o recorte de persoal na área sanitaria de Muros Noia. Ademais da redución dun médico de reforzo no PAC de Noia denuncian a perda da consulta da matrona en Outes e a existencia dunha única ambulancia para toda a comarca.
O Punto de Atención Continuada de Noia atende na actualidade a unha poboación duns 28 mil habitantes posto que dá servizo tamén ós concellos de Outes, Lousame e parte de Porto do Son. A pesar do amplo número de pacientes potencias, o servizo vén de sufrir dende principios de mes un novo recorte eliminando o médico de refozo en quenda completa durante os festivos e fins de semana.
Esta nova redución de persoal prodúcese no marco dunha política de recortes que derivou tamén na perda da consulta da matrona en Outes que podería pasar a ser compartida con Noia tal e como acontecen coa de pediatría.
Os nacionalistas denuncian tamén a situación do servizo de ambulancias, cunha soa para toda a comarca, que debe ser atendida ademais polo propio persoal do PAC.
Ademais de presentar iniciativas no parlamento para reclamar unha atención primaria de calidade, as distintas agrupacións levarán ós plenos dos concellos estes recortes.











