Costas adxudicou a redacción do proxecto de mellora do paseo de Esteiro

    MUROS> A nova foi moi ben acollida polo executivo muradán que dende hai tempo viña demandando o arranxo da infraestutura. As xestións realizadas nos últimos meses polo executivo muradán ante Costas para levar adiante unha reforma integral do paseo marítimo de Esteiro, parece que deron os seus froitos. O responsable do organismo en Galicia, Rafael Eimil, comunicoulle á propia alcaldesa, María Xosé Alfonso, a adxudicación a unha empresa da redacción do proxecto de acondicionamento desta infraestrutura, pechada dende hai tempo ó público debido ó seu mal estado de conservación. Dende o concello muradán mostraron a súa satisfacción por esta nova, xa que se trataba dunha vella demanda dos propios veciños da zona que non podían empregar o paseo debido á súa perigosidade. Sen descartarse a posibilidade de que a actuación se realice de xeito conxunto entre Costas e o propio Concello, o que si parece claro, segundo sinalou a propia rexedora, é que unha vez realizado o proxecto, poderanse investir fondos no seu arranxo sen temor a que sexan cartos tirados. O que aínda non está demasiado claso son os tempos. A actuación aínda podería demorarse xa que á redacción do proxecto habería que aprobar o investimento para a actuación e posteriormente a adxudicación das obras. Un proceso administrativo lento, pero que dende o concello muradán agardan a que poida estar rematado antes de finais de ano.