POIO/BARRO/MARÍN> Un dos protagonistas da xornada do 28 de maio foi o candidato do Partido Popular de Poio. Ao terceiro intento Ángel Moldes acada a maioría absoluta e será alcalde da vila. En Barro, o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes perde a maioría absoluta aínda que segue a ser a forza máis votada. Finalmente, en Marín a popular María Ramallo cumpriu o obxectivo de manter a maioría absoluta pero perde tres edís.
O Partido Popular de Poio tiña onte moito que celebrar. Ángel Moldes acadaba a maioría absoluta nas súas terceiras eleccións municipais como alcaldable. A súa candidatura conseguía 10 dos 17 edís da corporación.
Ángel Moldes será polo tanto alcalde do concello de Poio. Remata así con 27 anos de goberno co nacionalista Luciano Sobral á cabeza. O seu relevo encabezado por Marga Caldas baixa dos cinco aos dous edís. Pola súa banda, o Partido Socialista de Gregorio Agís pasa a ser segunda forza, pasando dos 3 aos 4 concelleiros. O futuro rexedor ten clara a súa folla de ruta.
En Barro, o BNG perdeu a maioría absoluta aínda que se mantén como primeira forza. A candidatura de Xosé Manuel Fernández Abraldes conseguiu 5 dos 11 concelleiros. Un resultado que o aboca a buscar un bipartito co Partido Socialista para manter a alcaldía. A formación encabezada por José Sanmartín pasou de 1 a 3 edís.
Xuntos por Barro, encabezado polo exalcalde popular José Antonio Landín entra na corporación con 2 concelleiros. O PP de Eduardo Ruadas queda como última forza con un único edil.
En Marín, a popular María Ramallo mantén a maioría absoluta e polo tanto a alcaldía. Iso si, perde tres edís ata os 12. O PSOE de Manuel Pazos conserva os cinco concelleiros que tiña, mentres que o BNG sobe con Lucía Santos, de 1 a 4.