O BNG leva ó Parlamento o problema dos capataces, grueiros e amanteiros da estiba

    POBRA> Recollen o malestar destes traballadores que reclaman que a súa categoría profesional sexa recoñecida dentro das actividades propias da descarga para os efectos da aplicación dos coeficientes redutores. A medida afecta ó redor dunhas trinta persoas nos peiraos de titularidade autonómica da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Son na súa maioría capataces, grueiros e amanteiros. Categorías profesionais dentro da estiba ós que non se lles está a aplicar os mesmos coeficientes redutores na Seguridade Social que a outros compañeiros de distinta categoría na mesma profesión. O BNG levará ó Parlamento esta situación. O deputado nacionalista, Daniel Rodas, presentou unha proposición non de lei a este respecto para que o Goberno Galego realice as xestións oportunas ante o ISM para eliminar esta discriminación e que as categorías de capataz, grueiro e amanteiro sexan recoñecidas dentro das actividades de estiba para os efectos da aplicación dos coeficientes redutores.