Falece un veciño de O Grove afogado en A Toxa

O GROVE> Madrugada tráxica nas augas da Illa da Toxa. Un home faleceu e dous tiveron que ser rescatados despois de que foran sorprendidos pola suba da marea. As primeiras hipóteses apuntan a que poderían estar mariscando ilegalmente. No rescate participaron efectivos da Garda Civil, de Protección Civil e incluso o helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia. 

 

Ao redor das 3 e media da madrugada saltaban as alarmas. A Garda Civil solicitaba medios para rescatar a dúas persoas da auga da zona de Punta Mourisca, no entorno do Campo de Golf da illa de A Toxa. 

Un deles resultou ileso e chegou a terra polo seu propio pé, dende onde pediu axuda. Outro dos supervivintes foi localizado nunhas rochas por unha lancha de Protección Civil de O Grove, coa auga á altura do peito. Tras ser rescatado tivo que ser trasladado en ambulancia ata un centro médico con síntomas de hipotermia.

Ademais destas dúas persoas, o helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia recuperou do mar o cadáver dun terceiro home. Xa en terra, os servizos de emerxencias intentaron reanimalo durante dúas horas sen resultado. A vítima, un veciño de O Grove de 44 anos, tamén estaba no entorno do campo de golf.

A Garda Civil xa abriu unha investigación para aclarar o sucedido. As primeiras hipóteses apuntan a que os tres homes poderían estar mariscando de xeito ilegal cando foron sorprendidos pola suba da marea.

No dispositivo de emerxencia tamén participaron os bombeiros do Parque Comarcal de O Salnés, que enviaron un buzo especializado no rescate subacuático.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/07xullo/18/falecido_toxa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/07xullo/18/falecido_toxa.mp4{/flowplayer}