Unha forte manga mariña deixa cuantiosos danos nunha ducia de propiedades en Castrelo

CAMBADOS>  Unha potente manga mariña deixa cuantiosos danos na parroquia de Castrelo, no Concello de Cambados. O fenómeno botou abaixo tellados, derrubou muros, arrancou portais e desprazou varios metros os colectores do lixo. A súa potencia foi tal que mesmo arrastrou unha caseta de obra uns 100 metros, indo parar ao medio dunhas viñas. Os veciños da zona estiveron hoxe avaliando os danos e tentando arranxa-lo que puideron. Séntense afortunados de que ninguén resultase ferido.

Para facerse unha idea da potencia da manga mariña, abonda con imaximar esta caseta de obra voando polo aire ata ir parar a estas viñas. O fenómeno meteorolóxico deixa  unha ristra de danos neste lugar de Couto de Abaixo, na parroquia cambadesa de Castrelo, cunha ducia de propiedades afectadas. Unha delas esta nave dunha empresa de construción.

O forte vento levoulle por diante gran parte do tellado.

Neses traballos de tentar recupera-la normalidade estiveron hoxe. Eles por exemplo, tiveron que ir ata esta leira recolle-la súa caseta de obra. O seu peso non impediu que voase polo aire máis de cen metros ata acabar entre as vides.

O fenómeno foi tan intenso como rápido. Non chegou a dous minutos, apareceu do mar e adentrouse en terra ata desfacerse nunha zona de árbores. Ao seu paso tirou tellados e muros ou mesmo lanzou por este coto estes colectores do lixo. Nestoutra casa, os fortes refachos retorceron este portalón como se fose de papel, quedando dobrado enriba do tellado.

E niso coinciden todos os veciños, porque a pesar do susto non hai que lamentar danos persoais.

O mal tempo deixou tamén outras incidencias na zona, por exemplo en Sanxenxo, onde o vento botou abaixo varios postes en distintos puntos, deixando danos materiais nunha vivenda de Foxos ou obrigando ao peche dunha estrada na Lanzada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí