RIBEIRA> A agresión producíase na zona da movida, en Bandaorrío. Nela resultou ferido de consideración un mozo de 19 anos e veciño da localidade que tivo que ser trasladado ó Hospital Clínico de Santiago.
A Policía Nacional investiga unha presunta malleira a un mozo da localidade de 19 anos na zona de Bandaorrío. Ó parecer a agresión produciuse na madrugada do sábado ó domingo á saída dun dos locais de ocio existentes nesta zona.
O mozo agredido atopábase na exterior cando recibiu un golpe na cabeza. Ó dirixirse ó mozo que presuntamente o golpeara a pedirlle explicacións, e practicamente sen mediar palabra, este xa lle propinou unha nova puñada na cara.
Nese momento iniciouse unha pelexa, na que posteriormente entraron outros dous ou tres mozos máis, que seguiron golpeándoo ata tiralo ó chan, dándolle incluso numerosas patadas.
O xoven ferido foi trasladado en ambulancia nun primeiro momento ata o hospital de Barbanza, pero finamente foi derivado ó Clínico de Santiago debido ó estado no que se atopaba.
Ten numerosas mazaduras por todo o corpo e terá que ser operado do nariz, xa que resultou fracturado despois dos golpes sufridos durante a agresión.
A familia xa presentou a correspondente denuncia dos feitos na comisaría.
As cámaras existentes no exterior de varios dos locais axudarán tamén a esclarecer boa parte do acontecido.