RIANXO> Unha vecina de Isorna en Rianxo está a piques de perder a súa vivenda sobre a que pesa unha orde de derrube por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. O TSXG vén de desestimar o recurso presentado pola propietaria.
Un novo revés xudicial sitúa a Carmen Romero e a súa filla máis preto de perder a súa casa. Sobre ela pesa unha orde de derrube que tan só podería evitar o Tribunal Supremo se estima o seu recurso. É a última baza dun proceso iniciado xa no 2006 e que, segundo Carmen, podería terse evitado.
Carmen iniciou a construción da vivenda no ano 2000, con tódolos permisos en regra, nun terreo herdado dos seus pais e que daquela era edificable. Dous anos máis tarde modificouse o uso do chan e dado que a vivenda non estaba rematada quedou fóra de ordenamento.
O expediente da APLU insiste en que a obra non está rematada posto que carece de revestimento exterior e varanda de acceso. Algo que Carmen non comparte posto que a vivenda reúne as condicións de habitabilidade e conta con tódolos servizos como luz e auga da traída municipal.
A Carmen quédalle aínda un último cartucho posto que cabe presentar un novo recurso ante o Tribunal Supremo. Aínda así alberga poucas esperanzas de poder conservar a súa vivenda, froito do traballo de toda unha vida.
Mentres esgota a vía xudicial, Carmen e a súa filla seguirán a chamar nas portas que faga falta para conseguir apoios. Xa están organizando unha concentración veciñal co fin de que facer visible a súa situación que consideran unha inxustiza.