A confraría de Rianxo inicia os dragados para recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros

RIANXO> A confraría de Rianxo está a traballar no dragado de varias zonas para recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros. Para completar estas tarefas, piden á Xunta maior axilidade para autorizar o depósito de cunchas que contribúe a unha maior rexeneración.

O pósito de Rianxo iniciou esta semana os traballos de rexeneración nas súas autorizacións. Aínda así, entenden que estas tarefas son insuficientes posto que sería necesario acometer un plan integral de recuperación da ría.

Ó mesmo tempo, instan á Xunta de Galicia a axilizar o procedemento para autorizar o depósito de cunchas, para evitar perder a subvención tal e como aconteceu o pasado ano.

O aporte de cuncha tralo dragado contribúe a unha mellor rexeneración dos bancos marisqueiros incrementando a súa produtividade.