Un mariñeiro xubilado doa á confraría de Aguiño unhas corenta maquetas de barcos

    RIBEIRA> José Crujeiras, un mariñeiro xubilado da parroquia ribeirense de Carreira vén de doar a súa colección de maquetas de dornas e barcos á Confraría de Aguiño. As pezas poden verse xa nas propias instalacións do pósito. Xubilado dende hai anos, José Crujeiras, mantivo dende sempre unha gran vinculación co mundo do mar. Con apenas doce anos saía xa a traballar nunha dorna pola Ría e posteriormente dedicouse á mariña mercante. Unha vez retirado decidiu emprender outra das súas afeccións, a construción de pequenas maquetas de barcos. Pouco a pouco, con gran destreza, e a base de moito esforzo e dedicación, fíxose cunha importante colección destas embarcacións en miniatura, ás que non lles falta nin o máis mínimo detalle. Moitas destas maquetas xa non as ten, porque as regalou a moitos coñecidos e familiares. Hai uns días entregáballe á Confraría de Aguiño unhas corenta destas maquetas, cumprindo tamén así un soño. Ún xesto que agradecen dende o pósito aguiñense. O patrón maior fíxolle ademais entrega dun pequeno agasallo. unha escultura que representa a un mariñeiro, e que Xosé gardará tamén nun lugar especial da súa casa en Carreira.