Noia homenaxea ó fundador dos Tamara, Prudencio Romo

    NOIA> Noia homenaxeará esta fin de semana ó músico local, Prudencio Romo. Os actos organizados polo Concello incluirán varios concertos e o descubrimento dunha placa conmemorativa na Praza das Américas, no edificio San Lázaro, lugar no que residiu boa parte da súa vida. Este xoves presentábase no concello noiés a homenaxe ó musico local, Prudencio Romo, un dos fundadores dos míticos Tamara. No acto, ademais da tenente de alcalde, Marisol Villar, e o edil de Cultura, José Pérez, participaron parte da súa familia, entre eles a súa viúva, Pivita Sarmiento, e o seu neto, Abraham Romo. Os dous agradeceron a homenaxe que se lle vai tributar esta fin de semana. O sábado os actos arrancarán ás sete da tarde coa actuación polas rúas de San Lázaro da Banda de Música Municipal de Noia e tamén da de Horcajo de Cuenca, para posteriormente proceder ó descubrimento dunha placa conmemorativa no edificio no que Prudencio Romo residiu boa parte da súa vida. Seguiranlle ese mesmo día outros dous concertos, un ás oito, na praza do Curro, das Banda de Música de Noia e de Horcajo de Cuenca, e outro ás dez e media no Malecón de San Lázaro coa Agrupación a Misela e o Grupo Atlántico. Xa o domingo, ás nove, terá lugar na praza do Tapal a actuación da banda Municipal de Lousame e da Coral Polifónica de Noia, coa intervención tamén doutros artistas locais que interpretarán temas de Los Tamara. Este acto estará conducido por Xurxo Souto.