A Xunta dá por controlado o lume do Monte Xiabre

SALNÉS> A Consellería do Medio Rural da por controlado o incendio do Monte Xiabre. Segundo as estimacións da Xunta, as lapas arrasaron con case 300 hectáreas entre os concellos de Vilagarcía e Caldas de Reis. Esta madrugada un novo lume poñía en alerta ao municipio caldense pola súa proximidade ás naves do entorno da planta de Clesa. Afortunadamente, xa foi sufocado.

 

Case 300 hectáreas de monte arrasado polas lapas. Este é o balance que, polo de momento, fai a Consellería do Medio Rural do incendio que dende o luns afecta o Monte Xiabre. O lume, que afectou aos concellos de Vilagarcía e Caldas de Reis, xa se da por controlado. Esta tarde, o líder dos socialistas galegos, Xaquín Fernández Leiceaga, visitaba Castro Agudín, a parroquia vilagarciá na que perigaron as vivendas pola proximidade das lapas. Antes, ao mediodía, achegárase a presidenta da Deputación, para expresar o seu apoio. Silva estivo acompañada polos alcaldes dos concellos afectados.

Os rexedores vilagarcián e caldense lamentaron a situación, e criticaron a escaseza de medios nas tarefas de extinción. Caldas está a ser un dos concellos máis afectados polas lapas. Esta madrugada volvíanse a activar todas as alertas, pola presenza dun lume nas proximidades da planta de Clesa que incluso obrigou a cortar momentaneamente a AP-9. Afortunadamente, os efectivos conseguiron extinguilo.

Con estes últimos lumes, xa son 450 hectáreas as que se viron afectadas polas lapas en Arousa. Aos lumes de Ribeira e Rianxo, súmanse outros menores como os rexistrados na parroquia cambadesa de Castrelo, en Meis, en Meaño, ou noutros puntos de Vilagarcía como O Sixto e Sobradelo.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/08agosto/10/estado_lumes_carmela_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/08agosto/10/estado_lumes_carmela.mp4{/flowplayer}