O lume arrasa o Parque Natural de Corrubedo

    RIBEIRA> Ribeira rexistrou esta fin de semana o peor incendio do que vai de verán en todo o Barbanza. Segundo as primeiras estimacións arderon aproximadamente unhas cen hectáreas, boa parte delas dentro do Parque Natural. Non foi o único incendio da comarca. En Rianxo tamén se producía esta noite outro lume que afectou a varios montes da parroquia de Leiro. Un denso manto de fume cubría o ceo Ribeira. Fume procedente de diversos incendios rexistrados ó longo de toda a noite, e que xa pola tarde se daban por controlados e estabilizados en diversas zonas da parroquia de Carreira. A virulencia das lapas durante a noite mesmo obrigou a ter que desaloxar varias vivendas dos núcleos do Castro e Casalnovo. Nos labores de extinción traballaron unha gran cantidade de medios, o que dá a entender a magnitude do incendio, entre eles varios hidroavións e helicópteros. Aínda así os primeiros datos oficiais apuntan a unhas 70 hectáreas afectadas, das que aproximadamente unhas 26 están dentro do Parque Natural de Corrubedo.