O executivo pobrense iniciou o acondicionamento da rúa Lamas e Andrés

POBRA> Ademais da limpeza da maleza e o acondicionamento da zona, está pendente tamén a mellora dos accesos e a reposición de berarrúas. As actuacións que está a realizar o concello pobrense na rúa Lamas e Andrés teñen coma principal obxectivo mellorar o aspecto desta zona, na actualidade bastante degradada. Dende hai tempo os veciños desta urbanización viñan reclamando no consistorio unha actuación de envergadura que puxera punto e final ós numerosos problemas existentes. Atendendo ás súas solicitudes o executivo está a proceder estes días, a través da brigada de obras municipal, á limpeza da maleza e o acondicionamento da zona. Levando a cabo tamén a instalación dunha nova rede perimetral e a mellora das pistas polideportivas alí existentes. Aínda así, a actuación non quedará só en iso. O executivo pobrense xa adxudicou á empresa Construcións Nosa as obras de mellora dos accesos e reposición de beirarrúas na urbanización por importe duns 4 mil euros e que irán con cargo ós orzamentos do vindeiro ano 2015. A intención do concello pasa fundamentalmente porque as obras estean rematadas xa a primeiros de ano.