Fútbol veterano contra o cancro

    XOVES> Este xoves presentábase no concello de Boiro a terceira edición do encontro de fútbol de veteranos que enfrontará as cafeterías Kir’s e Barbantia e cuxa recadación irá a parar á Asociación Española Contra o Cancro. O partido será este próximo sábado, ás seis da tarde, nos campos municipais de Vista Alegre. Trátase dun encontro que traspasa xa o aspecto meramente deportivo. Os equipos de fútbol de veteranos que reúne ós amigos do Kirs e do Barbantia enfróntanse neste caso por unha causa solidaria, xa que o recadado ese día mediante o pago da entrada do partido, a un prezo simbólico de dous euros, irá destinado integramente á Asociación Española Contra o Cancro. A presidenta da Asociación Española Contra o Cancro de Boiro aplaudeu a iniciativa, que xa chega a súa terceira edición, confiando en que se repita a participación de anos anteriores. Quen xa confirmou a súa participación foi o propio alcalde, Xoán Xosé Dieste, un asiduo xa a este tipo de encontros. O que non se sabe polo de agora é con que camisola o fará. Os responsables dos dous establecementos organizadores, tanto o do Kirs coma o do Barbantia, Benigno Muñiz e Óscar Pouso, respectivamente, agardan a que a inicitiva teña éxito, e a suma da recadación supere este ano a de edicións anteriores.