Malestar en Boiro trala visita do Conselleiro do Mar por non reunirse co sector produtivo

BOIRO> Malestar en Boiro ante a recente visita do Conselleiro do Mar por non ter convidado ó alcalde nin a representantes do sector pesqueiro. Emprazan a Alfonso Villares a volver ó concello para reunirse con produtores e buscar solucións ós numerosos problemas que afectan á pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Lonxe de amosarse sorprendido, o alcalde de Boiro insiste en que non é a primeira vez que conselleiros da Xunta visitan o concello sen avisar sequera ós representantes do goberno local no que cualifican de falla de respecto institucional. O que si lle sorprendeu é que o Conselleiro do Mar non aproveitase a súa presenza en Boiro para reunirse cos representantes do sector como confrarías ou entidades mexilloeiras que están a demandar solucións ante a baixa da produtividade.

Ademais de poñer en valor a cadea mar-industria como fixo na súa visita o Conselleiro, o alcalde emprázao a atender dunha vez por todas as necesidades do sector produtivo. Así, volve convidalo a visitar o concello e manter unha xuntanza para trasladarlle as principais necesidades do sector que supón o 76 por cento da riqueza na comarca.