Ribeira e Pobra xestionarán conxuntamente o servizo de atención temperá do CAD

    BARBANZA> Os alcaldes da Pobra do Caramiñal e Ribeira asinaban o convenio de colaboración para a xestión compartida do servizo de atención temperá que se presta no Centro de Atención á Discapacidade existente na Pobra. O convenio permitirá mellorar o servizo que se dá actualmente neste Centro a uns 54 usuarios, na súa maioría destes dous municipios. Aínda que na práctica xa se viña realizando de xeito habitual, xa que no Centro de Atención ó Discapacitado da Pobra xa se viñan atendendo a usuarios procedentes de Ribeira, a sinatura deste convenio permitirá plasmar de xeito oficial a xestión compartida do servizo de atención temperá. O actual contexto de crise económica e as dificultades do concello da Pobra para asumir por si só os custes do servizo, foi unha das principais razóns que levaron a chegar a este acordo, que permitirá agora dar unha resposta máis eficaz e de maior calidade. Tanto o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, coma o da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, destacaron a importancia deste convenio que posibilitará a xestión compartida do servizo, tan importante para a comarca do Barbanza.