RIBEIRA> O BNG esixe á Xunta que retome a residencia pública de Ribeira nas Saíñas. Acusan ó goberno autonómico de mentir tras paralizar o proxecto en base a unha modificación da normativa estatal que non se ten producido.
O BNG comparecía esta mañá para dar conta da resposta do goberno central en relación coa paralización do proxecto da residencia de Ribeira nas Saíñas por tratarse dunha zona potencialmente inundable. A Xunta anunciaba en 2025 que a instalación non podería construírse na parcela, en base a unha modificación da normativa que tal e como denunciaron os nacionalistas non se ten producido.
Esixen polo tanto que se retome este proxecto, no que xa se teñen investido 800 mil euros de fondos públicos e que se atopa xa nunha fase moi avanzada de tramitación posto que tan só está pendente o informe de Augas de Galicia.
Segundo os nacionalistas, a paralización do proxecto respondeu a unha estratexia partidista do Partido Popular para desautorizar ó executivo ribeirense meses antes da presentación da moción de censura.
Acusan ó goberno autonómico de non ter previsto executar a residencia a curto prazo, a pesar de ter anunciado xa un novo emprazamento, posto que non aparece partida consignada nos orzamentos deste ano.











