Portos estuda a mellor alternativa para a reordenación da dársena de Porto do Son

    PORTO DO SON> O concello de Porto do Son e Portos de Galicia traballan na reordenación da dársena portuaria da localidade. O presidente do ente autonómico, José Juan Durán, mantiña unha xuntanza co alcalde, Luís Oujo, para analizar as diferentes alternativas que se barallan de cara a compatibilizar os usos das embarcacións da terceira e da sétima lista. Na xuntanza de traballo mantida en primeira instancia no concello sonense e posteriormente no propio peirao, tanto o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, coma o alcalde, Luís Oujo, analizaron as diversas alternativas baralladas para a reordenación da dársena portuaria da localidade, compatibilizando os usos tanto da flota profesional como da recreativa, a través da creación dunhas corenta novas prazas de amarre. Dende hai algún tempo o peirao sonense conta con autorización provisional da propia consellería de Mar para as descargas de peixe do cerco. Unha razón fundamental que obriga se cabe tamén a realizar unha ordenación dos espazos portuarios para mellorar tamén as condicións de traballo. Outro dos puntos abordados na reunión foi a terceira e última fase da reforma da praza do Curro en Portosín. Unha actuación cun custe duns cen mil euros e que será sufragada por Portos. Dende o concello sonense confían en que as obras poidan estar adxudicadas en outubro.