A POBRA> Atendendo a unha solicitude que partiu da propia Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, o goberno da Pobra deu lectura a unha declaración conxunta en defensa da sanidade pública, asinada polos grupos municipais Nós Pobra, BNG, PSOE e VxP.
Dela quedouse fóra o Partido Popular, que pretendía introducir algún cambios no documento, unha solicitude que o equipo de goberno non considerou.
No documento, os grupos municipais asinantes reafirmaron o seu compromiso cunha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade como un dereito fundamental da cidadanía, ó tempo que destacan o papel esencial da Atención Primaria.
Tamén se recolle a preocupación pola situación do Centro de Saúde da localidade, debido ós recortes no persoal e á perda de servizos.
Entre outras cuestión reclámanlle á consellería de Sanidade que adopte as medidas necesarias para garantir unha dotación estable de profesionais e se reforcen os servizos de atención continuada, dando así cobertura ás necesidades asistenciais da veciñanza.
Dende o goberno pobrense destacaron tamén o traballo que vén realizando a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza, mostrando o seu apoio á manifestación convocada para este domingo 28 de xuño, animando á veciñanza a participar nela.











