Adxudicada a humanización da rúa República Arxentina de Noia

NOIA> A Consellería de Medio Ambiente adxudicou o contrato para a mellora da rúa República arxentina de Noia. As obras contan cun orzamento de cincuenta e oito mil euros dos que o setenta por cento será financiado pola Xunta.

Trala recente sinatura do contrato, a empresa Nemesio Ordóñez S.A. dispón dun mes de prazo para comezar os traballos de mellora previstos na rúa República Arxentina. Consistirán na execución da mellora do firme e da sinalización horizontal no treito que vai dende a rotonda da praza das Américas ata o cruce coas rúas San Breixo e Costa Santo.

O obxectivo da actuación é dotar a esta vía dunhas infraestruturas acordes á densidade de tráfico que soporta na actualidade xa que se trata dunha das principais vías de acceso a Noia. O paso do tempo provocou un importante deterioro no pavimento con numerosas fochancas que dificultan o tránsito rodado. Os danos localízanse especialmente nas zonas de aparcamento e nas franxas centrais dos carrís o que inflúe negativamente na seguridade viaria.

Tamén se acometerá a mellora das beirarrúas coa eliminación de barreiras para facelas máis accesibles para persoas con mobilidade reducida.

O prazo de execución será de dous meses dende o inicio dos traballos. O orzamento ascende a preto de sesenta mil euros financiados no seu setenta por cento pola Consellería e o trinta por cento restante polo concello.

A obra enmárcase no Plan Hurbe, posto en marcha pola xunta no ano 2010, para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a humanizar o espazo público.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí