Finaliza a campaña do percebe en Aguiño con cifras similares ó pasado ano

    RIBEIRA> A presenza masiva de turistas no Barbanza e o aumento da demanda non influíu en moito a cotización do percebe este verán, que se mantivo en prezos similares ós de campañas de anos anteriores. Os percebeiros de Aguiño, unha das poucas confrarías da zona que traballan ó crustáceo, pararán a súa actividade agora en setembro ata novembro. Á falla xa de escasos días para o peche da campaña, farase efectiva a partir das primeiras semanas de setembro, a cotización do percebe mantívose en cifras moi similares ó de campañas anteriores. A presenza masiva de turistas este verán e o aumento considerable da demanda, apenas se deixou notar no prezo do percebe en lonxa. O prezo do crustáceo na lonxa de Aguiño roldou entre os dez euros, o máis pequeno, ata os setenta, o máis grande, cun valor medio próximo ós trinta euros o quilo. Dende o pósito aguiñense consideran que son prezos aceptables, aínda que escasos, e que o percebe podería valer máis ó ter tanta demanda nesta época do ano. A campaña de verán chega agora en setembro ó seu fin, paralizándose previsiblemente a actividade ata novembro.