Nove equipos disputarán este sábado na Pobra o I Torneo de Fútbol Ría de Arousa de Fútbol Feminino

POBRA> As instalacións do campo municipal de Cadreche acollerán este vindeiro sábado, a partir das nove e media da mañá e durante toda a xornada , a primeira edición do Torneo Fútbol 11 Ría de Arousa de Fútbol Feminino.

A cita, organizada de xeito conxunto polo Puebla C.F. e o Atlético Arousana, reunirá a un total de nove equipos de toda Galicia.

Ademais do Atético Arousana, na competición tomarán parte o Noia, o Ordes, a Asociación Deportiva Nicrariense, o Xuventú Aguiño, o Sárdoma C.F., o Sporting Cambre, Sporting San Mateo de Ponteareas e o Caldas C.F.

Dende as dúas entidades organizadoras destacaron tamén a importancia deste Torneo, o primeiro de fútbol feminino que se celebra na comarca.

Para levalo adiante, a organización conta co apoio do propio Concello, de onde destacaron a importancia deste tipo de actividades que serven de promoción para o deporte feminino.

Dende a organización do Torneo quixeron agradecer tamén a colaboración das distintas empresas que colaboran coa iniciativa, que nace coa idea de darlle continuidade en vindeiros anos.