A Escola Náutica incrementou nun 50 % o número de alumnos en sete anos

    RIBEIRA> A conselleira do Mar realizou unha visita á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira. Alí destacou o aumento dun 50% do número de alumnos que cursaron ciclos formativos neste centro nos últimos sete anos. Acompañada do equipo directivo da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, puido coñecer de primeira man as instalacións. Alí destacou que o número de alumnos que cursaron ciclos formativos no centro aumentou nun 50% nos últimos sete anos, aludindo tamén ó aumento da oferta formativa regrada impartida nesta escola. Neste sentido, destacou a aposta decidida da Xunta pola formación e lembrou que este ano a consellería do Mar destina máis de 2,5 millóns de euros ós centros de ensino náutico-pesqueiro e a distinto tipo de accións formativas en portos. O obxectivo, segundo ela, é seguir mellorando a estrutura da formación como vía para avanzar no relevo xeracional e para dotar ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade. A visita á comarca do Barbanza estaba incluída nunha serie de roldas de contacto que a titular de Mar está a desenvolver tamén en tódalas confrarías galegas e que a levou hoxe a visitar os pósitos de Pobra do Caramiñal, Palmeira, Ribeira e Aguiño. Ademais das necesidades específicas de cada Confraría, que tratarán de ir solventándose na medida do posible, a Conselleira fixo referencia a un problema común que afecta a todas elas, como é o furtivismo.