As altas temperaturas elevan o risco de incendios forestais no Barbanza

    BARBANZA> Estamos en pleno setembro e con alerta laranxa en gran parte da comunidade. A vaga de calor que vive todo o país déixase notar tamén no Barbanza, onde ademais de aturar as altas temperaturas, vívese o temor ao aumento do risco de incendios forestais. este ano a meteoroloxía rompe con todo pronóstico, e setembro, parece que non vai ser unha excepción. Vai camiño de ser o noveno mes do ano máis cálido desde que se teñen rexistros. A poucos días para comezar o outono, os termómetros no Barbanza acadaron hoxe os 35 graos. Unha calor que moitos soportan grazas aos mergullos nas praias, ou agochados baixo as sombras dos parques. Tal e como recomendan os expertos, en días coma o de hoxe, para evitar riscos, o importante é estar ben hidratado, evitar facer deporte e fuxir das comidas copiosas. Pero o risco, con estas temperaturas, non existe só para as persoas. Desde protección civil advirten de que a calor intensa dispara o risco de incendios forestais. Por iso, para evitar revivir infernos coma os sufridos hai un mes na Serra do Barbanza, cómpre ter en conta a normativa sobre prevención de lumes. Para a xornada de mañá agárdase que as nubes volvan deixarse ver, e con elas, un descenso da temperatura de ata 10 graos nalgúns puntos da comarca.