Derrota do Boiro ante o Ponferradina por cero goles a un

    BOIRO> Paso atrás nas aspiracións do Club Deportivo Boiro. Os boirenses caían en Barraña ante a Ponferradina por cero goles a un. A primeira vitoria do Boiro na casa terá que agardar. Os numerosos afeccionados que ateigaban o municipal de Barraña onte domingo confiaban na vitoria local ante a Ponferradina. Pero non puido ser. E os leoneses leváronse a vitoria por un tanto a cero. O gol producíase na segunda metade. O visitante Juanto, que minutos antes acababa de entrar no terre ode xogo en substitución de Figueroa, colleu un rexeite, e dun forte chut dende máis de trinta metros, sorprendeu a Pato Guillén. O gol non facía xustiza, xa que os de Fredi Álvarez foron moi superiores a un rival, que se encerrou no seu campo e xogou case todo o partido ó contragolpe. Rubén rivera en varias ocasións, Romay e Marcos Álvarez dispuxeron de varias ocasións para poñer o Boiro por diante na primeira metade, pero non acabaron entrando. O mesmo aconteceu á volta dos vestiarios. Os arreóns boirenses non frutificaban en gol e a maioría das ocasións eran desbaratadas polas boas intervencións do gardameta visitante Olmedo, que se erixiu onte no mellor home da Ponferradina. O Boiro cae á décimo sexta praza, en posición de playoff de descenso, con tan só catro puntos. Na próxima xornada enfrontarase a outro dos históricos da Segunda B a Cultural Leonesa. Polo que respecta ó resto de resultados nesta categoría destacar a vitoria do Celta B no derbi ante o Pontevedra, un a cero; a do Racing de Ferrol en Palencia, un a tres, con dous tantos do ribeirense Joselu; e as derrotas do Coruxo e o Somozas por un a tres e dous a cero respectivamente coa Cultural Leonesa e Izarra respectivamente.