A aprobación das obras do POS 2026 centrará a atención do pleno deste xoves en Rianxo

RIANXO> A corporación rianxeira celebrará mañá xoves o pleno ordinario correspondente a este mes de xaneiro, o primeiro do ano 2026.

Na orde do día figuran puntos importantes como é o caso de varios convenios con Medio Rural para darlle continuidade á xestión de franxas secundarias ou con Portos para regularizar unha serie de situacións que se dan na fachada marítima.

Aínda así o asunto que centrará a atención da sesión será a aprobación das obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para o presente ano.

O equipo de goberno decidiu incluír varios proxectos de mellora de accesos a núcleos rurais para seguir coa renovación dos firmes, así como tamén varias actuacións relacionadas coa ampliación das redes municipais, tanto de saneamento como de abastecemento de auga.

Por outra banda, o goberno rianxeiro decidiu tamén dentro do POS, pero na súa fase Adicional, darlle continuidade á renovación do paseo marítimo na súa segunda fase, dende a praia do Pazo ata o Castelo da Lúa.