A ARE fará latexar o comercio de Rianxo como corazón da vila

RIANXO> A Asociación Rianxeira de Empresarios pon en marcha a campaña de dinamización comercial. ‘Rianxo Latexa’. Desenvolverase ó longo desta semana cun amplo programa de actividades encamiñadas a incentivar as compras no comercio local. Os participantes entrarán no sorteo de tres vales de compra de 500 euros cada un.

Rianxo Latexa é unha das cinco campañas de toda Galicia seleccionadas pola Xunta dentro do programa autonómico ‘O teu comercio local é extraordinario’. Promovida pola Asociación Rianxeira de Empresarios en colaboración co concello, e co financiamento autonómico, ten por obxectivo incentivar as compras no comercio de proximidade.

Contará cun amplo programa de actividades de dinamización que culminarán o sábado 18 cun sorteo de 1500 euros en vales de compra que se realizará na praza Castelao ás nove da noite.

Na iniciativa participan tódolos establecementos adheridos á patronal que aposta polo traballo conxunto do tecido asociativo, as administracións e a cidadanía para revitalizar o comercio rianxeiro como corazón da súa vila.