Preto da metade do electorado do Barbanza decantouse polo PP

    BARBANZA> A aplastante vitoria do Partido Popular nas urnas tamén tivo o seu reflexo na comarca do Barbanza, onde a formación que lidera Alberto Núñez Feijoo foi a lista máis votada con 15.364 votos, o que supón o 46’98% dos sufraxios emitidos. Tamén na comarca noiesa o PP lidera claramente a lista de forzas máis votadas con 8.348 votos, seguida dos socialistas que con 3.226 mantense coma segunda forza, evitando así o ‘sorpasso’ de En Marea. A comarca do Barbanza aumentou nestes comicios o índice de participación con respecto ás eleccións autonómicas de hai catro anos, superando lixeiramente o 60%. En sintonía con respecto ós resultados de toda a Comunidade, o Partido Popular foi a forza máis votada con 15.364 votos. Aínda así os populares sofren nesta comarca unha lixeira baixada respecto ós comicios de 2012, con 118 votos menos. Baixan algo en tódolos municipios a excepción de Boiro, onde aumentan sufraxios con respecto ós anteriores comicios autonómicos. Coma no resto de Galicia, no panorama barbanzán irrompe como segunda forza, superando ó Partido Socialista, En Marea que acadou 6.162 sufraxios, o que representa o 18’84% dos votos. Supera os socialistas en tódolos concellos da zona a excepción de Lousame, Muros, Noia e Porto do Son. O partido do puño e da rosa baixa significativamente en apoios 4.825, o que supón menos do 15%. A excepción Noia, onde os socialistas, lonxe de baixar, aumentaron en preto de douscentos votos. Cunha liña semellante á dos socialistas, como cuarta forza, posicíonase o BNG, que no conxunto da comarca acadou 4.287 votos, 343 sufraxios menos que nos comicios autonómicos de 2012. Perden respaldo na totalidade dos municipios da zona a excepción de Muros, Boiro e Rianxo. Polo que respecta ó resto de forzas, destacar o escaso interese que espertou no Barbanza Ciudadanos que sumou nestes comicios uns 1.047 votos, dos que máis de catrocentos se concentran e Ribeira, así como tamén CxG, que obtivo só 271 apoios en toda a comarca, a maioría deles en Outes e Muros.