Feijóo destaca o papel estratéxico do sector do mar na apertura da campaña de Noia

NOIA> Aproveitando o inicio da campaña marisqueira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou unha visita á lonxa de Testal. Alí puxo de relevo o compromiso do Goberno Galego co sector marisqueiro, ó que cualificou coma ‘estratéxico’ para Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo achegarse tamén esta mañá ata a lonxa de Testal con motivo do arranque da campaña extrativa. Durante a visita reafirmou o compromiso do Goberno Galego co sector marisqueiro, un sector, segundo el, estratéxico para Galicia.

Durante a visita, o titular da Xunta referiuse á renovación das instalacións da lonxa que supuxeron un investimento de preto dos seiscentos mil euros. Unha actuación que agradeceu o rexedor noiés. Santiago Freire destacou que a remodelación supuxo unha mellora significativa nas condicións de traballo.

A visita de Núñez Feijóo á comarca noiesa continuou posteriormente en Porto do Son. Alí o titular da Xunta  puido comprobar a marcha das obras de mellora da súa fachada marítima. Unhas obras nas que o Executivo Autonómico, a través de Portos de Galicia, ten previsto investir máis de catro millóns de euros.

Durante o percorrido pola zona na que se acometen os traballos, no que estivo acompañado polo alcalde, Luís Oujo, e demais membros do equipo de goberno, destacou a realización desta actuación, que ten coma principal finalidade a humanización do bordo portuario da vila, abrindo o municipio ó mar, e creando amplas zonas de lecer para o disfrute de veciños e visitantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí