Decepción polos prezos na primeira poxa da campaña de Noia

    NOIA> Decepción entre os mariscadores de Noia tralos baixos prezos acadados en poxa no seu primeiro día de campaña. O berberecho de primeira pagouse por debaixo dos once euros e o de segunda non pasou dos cinco.

    A satisfacción que pola mañá amosaban os mariscadores, sobre todo os de a frote, ao conseguir case na súa totalidade o tope de 40 quilos de berberecho por tripulante, converteuse á tarde en decepción e mesmo indignación. No arranque da campaña na ría de Noia, chegada a hora da verdade, a primeira poxa non deixou boas novas para os mariscadores. Nas lonxas  de Testa e o Freixo, o prezo medio do berberecho de primeira categoría estivo por debaixo dos once euros, case a metade do rexistrado o ano pasado. O de segunda pouco pasaba dos cinco euros. En canto á ameixa, a babosa de primeira acadou un prezo medio de 22 euros, e a fina de 52. A xapónica pouco pasaba dos seis euros o quilo. Desde o Cabildo da confraría de Noia, xa nos confirmaron que de seguir estes baixos prezos nas vindeiras poxas, terán que tomar medidas ao respecto, como por exemplo, unha baixada dos topes.